Como se produce e se obtén
A enerxía do vento está relacionada co movemento das masas de aire que se desprazan de áreas de alta presión atmosférica cara a áreas adxacentes de baixa presión, con velocidades proporcionais ó gradiente de presión.
Os ventos son xerados a causa do quecemento non uniforme da superficie terrestre por parte da radiación solar, entre o 1 e 2% da enerxía proveniente do sol convértese en vento. De día, as masas de aire sobre os océanos, os mares e os lagos mantéñense frías con relación ás áreas veciñas situadas sobre as masas continentais.
Os continentes absorben unha menor cantidade de luz solar, polo tanto o aire que se atopa sobre a terra expándese, e faise polo tanto más lixeiro e elévase. O aire máis frío e máis pesado que provén dos mares, océanos e grandes lagos ponse en movemento para ocupar o lugar deixado polo aire quente.
Para poder aproveitar a enerxía eólica é importante coñecer as variacións diúrnas e nocturnas e estacionais dos ventos, a variación da velocidade do vento coa altura sobre o chan, a entidade dos refachos en espazos de tempo breves, e valores máximos ocorridos en series históricas de datos cunha duración mínima de 20 anos. É tamén importante coñecer a velocidade máxima do vento. Para poder utilizar a enerxía do vento, é necesario que este alcance unha velocidade mínima de 12 km/h, e que non supere os 65 km/h.
A enerxía do vento é utilizada mediante o uso de máquinas eólicas (ou aeromotores) capaces de transformar a enerxía eólica en enerxía mecánica de rotación utilizable, ben para accionar directamente as máquinas operatrices, ben para a produción de enerxía eléctrica. En este último caso, o sistema de conversión, (que comprende un xerador eléctrico cos seus sistemas de control e de conexión á rede) é coñecido como aeroxerador.
A baixa densidade enerxética, da enerxía eólica por unidade de superficie, trae como consecuencia a necesidade de proceder á instalación dun número maior de máquinas para o aproveitamento dos recursos dispoñibles. O exemplo máis típico dunha instalación eólica está representada polos parques eólicos (varios aeroxeradores implantados no territorio conectados a unha única liña que os conecta á rede eléctrica local ou nacional).
Na actualidade utilizase, sobre todo, para mover aeroxeradores. Nestes a enerxía eólica move unha hélice e mediante un sistema mecánico faise xirar o rotor dun xerador, normalmente un alternador, que produce enerxía eléctrica. Para que a súa instalación resulte rendible, adoitan agruparse en concentracións denominadas parques eólicos.
Historia
Un muíño é unha máquina que transforma o vento en enerxía aproveitable, que provén da acción da forza do vento sobre unhas aspas oblicuas unidas a un eixe común. O eixe xiratorio pode conectarse a varios tipos de maquinaria para moer gran, bombear auga ou xerar electricidade. Cando o eixe se conecta a unha carga, como unha bomba, recibe o nome de muíño de vento. Se se usa para producir electricidade denomínase xerador de turbina de vento. Os muíños teñen unha orixe remota.
Os primeiros muíños
A referencia máis antiga que se ten é un muíño de vento que foi usado para facer funcionar un órgano no século I. Os primeiros muíños de uso práctico foron construídos en Sistan, Afganistán, no século VII. Estes foron muíños de eixe vertical con follas rectangulares. Aparatos feitos de 6 a 8 velas de muíño cubertos con telas foron usados para moer millo ou extraer auga.
Utilización da enerxía eólica
A industria da enerxía eólica en tempos modernos comezou en 1979 coa produción en serie de turbinas de vento polos fabricantes Kuriant, Vestas, Nordtank, e Bonus. Aquelas turbinas eran pequenas para os estándares actuais, con capacidades de 20 a 30 kW cada unha. Desde entón, a talla das turbinas foi crecendo enormemente, e a produción estendeuse a moitos países.